Ovidio Fernández

     Nacín en 1962 en Navia de Suarna, Lugo. En 1978 trasladeime a Barcelona, onde fixen os meus primeiros traballos en Súper8. En 1984 empecei en Madrid a formación audiovisual no Centro de Ensino da Imaxe (CEV). Dous anos despois fixei a residencia en Santiago de Compostela, onde traballo nas produtoras audiovisuais CTV S.A e Espello Video Cine (A Coruña) mentres estudiaba na Facultade de Xeografía e Historia. En 1989 aprobei as oposicións en Televisión Española SA como Reporteiro Gráfico, traballo que desempeñei de forma ininterrompida ata a actualidade.  A finais dos noventa fixen un curso de postgrao en dirección de documentais na USC baixo a tutela de Basilio Martín Patino.

       Ao longo da miña carreira profesional fixen numerosas reportaxes e documentais que se emitiron nas diferentes canles de TVE (La primera, La 2, Canle Internacional, Grandes Documentales Hispasat, Canles Temáticas, 24 horas, EuroNews, etc.) colaborando en distintas áreas, especialmente como camarógrafo e director de fotografía.

 

TRABALLOS COMO DIRECTOR:

 

 

"SEGURA TORRELLA, PAISAXE E PAISANAXE" 1990. Guion, dirección e imaxe. Produción: TVE SA. 15 minutos. Viaxe pola obra dun dos mellores e  máis esquecidos pintores galegos do século XX.

 

"KOMPOSTELA, CAPITAL BRAVÚ" 1997. Produción: Universidade de Santiago  de  Compostela. 45 minutos. A capital de Galicia vista con  outros ollos, Santiago  de  Compostela á marxe dos tópicos e a  oficialidade.

                          -Finalista na sección de Documentais dos Premios da Asociación Galega de Produtores Independentes (AGAPI).

 

"NAVIEGOS, OS OUTROS ARRAIANOS" 2001. Guión, dirección e imaxe. Producido por TVE S.A. 90 minutos. Unha visión subxectiva do río Navia na que o autor vai na procura das súas raíces, reencontrándose coas pantasmas do pasado.

                          -Premio do Xurado no Festival Internacional de Cine El Riu de Barcelona (2002).

                          -Participou no II Encontro Hispanoamericano de Vídeo Documental Independiente. (México, 2002)

                          -Proxectado fóra de competición no Festival LaCinemaFe de Nova York (2002)

 

"AS MANS DUN POBO. AS XENTES DO MAR CONTRA A MAREA  NEGRA" 2004. 52 minutos. Producido por TVE SA. Codirector e coguionista. O  15 de novembro de 2002 remataba a espera agónica: chegaban á Costa  da Morte as primeiras manchas de cru procedentes do petroleiro Prestige. Dous  anos despois, o mesmo equipo de informativos de TVE que cubriu a catástrofe  volve entrevistar aos afectados.

                          -Premio Mestre Mateo 2004 a Mellor Serie de TV, da que forma parte xunto ao  documental "SETE DIAS DE NOVEMBRO", do que tamén é realizador

                          -Estreada no Festival Cineuropa 2004 en Santiago de Compostela

 

"TERRA, FIN DE CICLO" 2004. 54 min. Guión, dirección e  imaxe. Marta personifica toda unha xeración de fillos e netos de labregos que  deixa atrás o medio rural. Nas aldeas, cheas de vida noutros tempos, só quedan os vellos. Marta interroga a veciños e investigadores na procura de respostas a este tempo de cambios.

                         -Estreada no Festival Cineuropa 2004 en Santiago de Compostela

 

"BE WATER MY FRIEND!" 2010. Finalista do certame "Dame un minuto de  auga" organizado por UNESCO etxea.

 

"SHOOTS FROM ABYSSINIA" 2012. 101 min. Guión, dirección e imaxe.  Abdul, un neno etíope de 15 anos que vive en Galicia, viaxa á súa terra natal tras 4 anos residindo en España. Antes de emprender a marcha,  seu pai entrégalle a "Historia de Etiopía" escrita por Pedro Páez, o primeiro europeo en atopar as fontes do Nilo Azul. A historia formúlase como unha viaxe iniciática que chega ao seu clímax cando Abdul alcanza tamén o nacemento do  río.Un simbólico bautismo naquelas augas fonde lenda e realidade.

 

Traballos como director de fotografía:

                            "VERTIX" e "MAMAI FEDRA". 2008. Vídeo-creacións dirixidas polo dramaturgo Euloxio Ruibal.